Thursday 25 de April de 2024

O Concello de Frades adxudica por 343.000 euros as obras do centro sociocomunitario de Ponte Carreira, que estarán listas en 150 días


O Concello de Frades vén de adxudicar por 343.683,56 euros as obras do centro sociocomunitario de Ponte Carreira á empresa JSTOP Obras e Servizos SL. Unha actuación froito dun convenio asinado entre o Concello de Frades e a Consellería de Política Social, que achegará 200.000 euros en dous exercicios, con cargo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O Concello de Frades subvencionará o resto con fondos propios.

O centro sociocomunitario de Ponte Carreira dará servizo aos veciños e veciñas do municipio e nel se poderán levar a cabo actividades lúdicas e sociais, así como formación. O Concello de Frades pretende que dea servizo, especialmente, aos maiores de sesenta anos, que representan o 42% da poboación do municipio. A adxudicación da obra vén de ser ratificada polo Pleno municipal, cos sete votos a favor do PP, as tres abstencións do PSOE e o voto en contra do BNG.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “queremos que os nosos veciños e veciñas dispoñan dun punto de encontro onde poder facer todo tipo de actividades, dende pilates e ximnasia, ata dispoñer dun centro para os nosos maiores con acceso a servizos como os que actualmente prestamos a domicilio a persoas dependentes: fisioterapia, podoloxía e perruquería”. A diferenza dun centro de día, que só estaría aberto a dependentes de grao 2 ou 3, este centro sociocomunitario estará aberto a todas as persoas maiores do municipio.

Características do inmoble

O centro sociocomunitario estará emprazado nunha parcela de solo urbano no núcleo de Ponte Carreira, moi próxima ao actual centro de saúde, cunha superficie de 1.673,39 m2. Contará de dúas salas multiúsos, catro despachos, unha recepción cun pequeno almacén e aseos adaptados. Tanto as salas multiúsos como os despachos poden dividirse entre si, a través de paneis móbeis, o que permite crear salas de maiores dimensións, no caso de que fose preciso.

O edificio terá unha única planta, cunha superficie construída de 257,42 metros cadrados, cunha superficie útil de 211,42 metros cadrados. Exteriormente, o edificio será un paralelepípedo, cun revestimento da fachada en paneis de aluminio en diferentes cores e un zócalo de granito inferior. Aínda que no concurso de licitación se falaba dun prazo de execución de 10 meses, finalmente será de tan só 150 días, a contar dende a acta de repranteo dos traballos. Así mesmo, a empresa adxudicataria, ademais de presentar a mellor oferta económica, tamén ofreceu unha garantía adicional de 3 anos sobre o xa previsto.